19/03/2009

SEÑARDADE


Hoxe fun buscar ao meu vello á estación de Sants tras unha estadía lonxana de máis na terra. Voltaba no anovado "Estrella de Galicia" tras doce horas de viaxe, cincoenta euros menos e algunha que outra conversa rechamante que lembrar dos compañeiros de viaxe, xentes das Terras de Lemos e do Barco, coñecidos do barrio e do traballo, que ano tras ano coincidían no tren. Mentres agardaba sentín unha grande señardade daqueles anacos de vida que vivín de neno no " Estrella", nesta estación e na de Monforte, con aquelas xentes de intensas palabras e grandes afirmacións dispostas a compartillar todo o que tiñan polo sorriso dun neno, nas datas sinaladas do Nadal e a semana Santa (e algún que outro verán ), ateigados de paquetes voluminosos , empanadas arrecendentes , caixas con botellas de viño , sacos de patacas ( e grelos, e cebolas,e castañas ...) e todo o que se puidese levar e lles deixasen meter nas camaretas e polos corredores adiante . Lembro con especial agarimo as noites durmindo no buraco de enrriba das portas das camaretas , agochado entre os paquetes de chourizos e cachuchas, só ou na compaña dalgún curmán ou irmao chorimica, co risco ledo e compartido de caer e esnafrar os fociños, sentindo o fungar terríbel dos vellos durmindo, suando a cachón co efecto desas calefaccións ferventes que criaban cheiros dificiles de esquencer. E o tren movendose e renxendo en cada parada, en cada estación , con mundos misteriosos a descubrir tras as cortinas das fiestras, ficando pampos cos efeitos das luces nos vidros húmidos, coas xeadas de Castela, procurando na escuridade algún trasno rebuldeiro que nos fixese acougar e coller o sono. E lembrando istas miñas charamuscas biquei a imaxe rexa, case petrucial, do meu vello termando un carriño ateigado de paquetes, sacos e caixas de empanadas arrecendendo á Terra..
Saúde, Antón

2 comentários:

amauta disse...

Moitos de nós probamos os recendos e a complexidade fonética co "Estrella".
Agardo que o pase ben na compaña da familia que de cando en vez non vén mal.

Saúde!

Antón disse...

Que asi sexa ! A morriña xa lle vai atacando mais acouga coa compaña dos fillos e os netos.

Unha grande aperta e avante