18/12/2009

CHOVE


Antón

16/12/2009

ENCORO GZ



Antón

10/12/2009

LA CORUÑA













Antón










09/12/2009

(AUTO) [ODIO]


Está eiquí..

agatuñando no ollar extinto do funambulista
no camiño retorto do sartego
en cada palabra premida en tí

Sí, eiquí ...

ás apalpadelas no colo da friaxe
(tres millóns de esfameados en Mercedes
sen rodas, sen portas, sen ialma
facéndolle as beiras á Clase A
cuspindo antergos polo cú)

final arranxado

prezo pactado

asasinados no seu odio




Antón

05/12/2009

A


Antón

04/12/2009

QUIZAIS



Antón

03/12/2009

THE ADICTS

01/12/2009

PERIGO /E/



Sabemos do perigo de correr tras os desexos

(gumes aguzados
línguas sementadas
)

Sabemos, abofé, do odio pegañento contra nós

(xantar de escopeta
disparos
espidos)

coñezemos, ao fin, o mundo posuído
da antiga diaspora das ladaíñas


polboempanadalacón !

U-la enchenta para o noso pobo morto ?




Antón



11



Galiza existe na atlántica simetría
dunha xeira que aínda está por vir

Antón

30/11/2009

SÉCULOS


Hai ollos químicos neste solpor,
perfectamente imposíbeis,
acochados en mín como
todas as cousas que fixemos

(... ten que ser certo meu ben,
os séculos escuros tamén
existiron para nós...
)

Antón

O FUTURO DA POESÍA

Concordo plenamente co dito por Estevez. A liberdade na rede non se pode atopar nunha editorial, salvo en casos puntuais coma Estaleiro editora e algunha outra que hai polo país

Saúdos a todos !!!

27/11/2009

PARTISANOS


Son o partisano das sabotaxes
o traidor emboscado nos beixos
a mascara vermella da sumisión.

Son eu
rostro desfigurado
inxección destripada
derradeira dose de babuxa
no esvaradoiro dun queixelo
sen soños

Antón

26/11/2009

Non o podo quitar da cabeza...

21/11/2009

G(ZG)Z



Non somos brétema
se perviven en nós os abrollos do carrizo
nin croios fosilizados
se o poallo segue a aboiar nos ermos desertos

Somos, iso si, pouca cousa
máis pouco que outra cousa
país de videoxogos eternamente caramelizado
empanada de zamburiñas no bandullo dun porco teixo.






Antón

16/11/2009

GALIZA


Xa sabes do que está a falar o seu ollar traslúcido
fotografado nas coxegas carpidas do devezo

( esvara pola braña
mainamente
co leitmotiv das meniñas atribuíndo milagres ás cores deborcadas
a calqueira mudanza
tamén ás máis insignificantes
coma un país feito de navalladas
xeitosamente desfeito
incendiado en poemas fálicos
e palabras moribundas )

Xa sabes da agonía dese ollar tristeiro
na súa verdadeira patria


Antón

14/11/2009

PAPEL


Entro nos ollos chagados do morto
na procura dunha opción:

/dose inxectada/
/merlo de fume/
/monicreque esfamiado/

(Lois xa fixo a miña escolla)



Antón

13/11/2009

(AUTO)ODIO


Tangaraño unicelular de garavata amarela

es o showman mediático das sobremesas Monfortinas

o primeiro icono Pop desta Galiza colonizada


Para cando o TDT nos miolos dos súcubos ?

Antón

12/11/2009

EV4


Teño longas conversas na aba do tempo

experimentando o azucre zumegante

da túa boca

Afasto as agullas que espetas docemente
sabedor da invernía argallada
nos confíns dos versos
niste dioivo de palabras
adurmiñadas no ventre
da balea.

Antón

08/11/2009

PEDRAS


Atas a pedra ao pescozo
e a guindas ás enrugas
do corpo

(Silenzo)

Farás algo esta noite
cando non poidas
saír delas?



Antón

EV3



Deixame entrar no tobo dos vencellos

Chucharei nas mentes ensarilladas que beben dos ouriños da memoria
pingarei días de choiva co devezo sólido da paixón
farei todo o posíbel por chegar á arroutada de teu corpo

- ectoplasma e cancela-

infranqueábel curro fosilizado.


Antón

06/11/2009

VELLOS


Os vellos quixeron voltar á terra
mesturados coas cinzas.

Non o conseguiron.


Antón

04/11/2009

E2



Contés a inercia do caixón
degrañándo o xaxún da ausencia
coma fiuncho servil
dun tempo pasado.


Antón




28/10/2009

CORPO 2


Arame enferruxado
risca meu nome na carne macia
enche de sentido as paixóns e os entullos devorcados
cadaleitos dun corpo fragmentado pola preguiza.

Antón

22/10/2009

ANXO


Recolleu o anxo caído no vapor etílico
vagarosamente desfeito na néboa do mezcal

Calibrou a posibilidade de permutar o intre
afastando a illa da realidade catalizada

Rematou silencioso na foto

coma monicreque
dunha aperta imposíbel.

X.Antón

21/10/2009

TRES


Teño a fame do mixiricas gardada na artesa do avó,

pegañenta e cadavérica no desprezo.


Arrecende a cinza cando sinala o berro agochado

ceibando morte e palabras

miñocas humidas na arroiada dun día de sol.


Antón

16/10/2009

AXOTAR


Saloucas nun universo de cortiza,
de peles aboiando nos corpos extenuados.

Sen folerpas que caian niste outono
lembras o gume da fouce,
afouto e morno,

coma tecido morto daquel que fora
o noso (des)amor,

caleidoscópico arco da vella,
sinxelo tremer,

AUSENTE

Xosé Antón

08/10/2009

REGO


Volto ao rego no devalar ruín do tempo,
como unha cadea de elos invisíbeis a berrar o noso espanto.

Na arroiada ispo de marmurios o sono humido,
fornecendo á noite do prozac e a augardente
daqueles teus bicos perdidos.

Antón

02/10/2009

CANTIL


Abre a porta do cantíl

e fica queda coa friaxe

do abrente a morrer ,

caleidoscópica sensación

de liberdade nun vento

invicto de soidades

e devezos.


Antón

29/09/2009

A


Asústanme as palabras caladas

neste abismo espido de ferramentas


como pingas dun canle segredo

onde ferver as arelas.


Antón

28/09/2009

EV


Nas tebras da galerna atopo
acougo e descanso,
aloxado nas túas mans trementes,
no líquido amniótico,
niste universo envelenado
onde a paixón non é máis que un
andazo a ferver no fondo dunha cunca
e nós currunchos estragados
nun leito de toxos e silvas





Antón

23/09/2009

NOXO !!!

A loita é esmagadora irmaos mais lembrade o retrouso da canción

NON PODERAN CON NOS, ADIANTE C.G.T !!!!


http://www.youtube.com/watch?v=F4Mf_zhCsvc&feature=PlayList&p=14FF2F448CF5E1FE&playnext=1&playnext_from=PL&index=37

17/09/2009

PAISAXE


Na paisaxe interior brúan corvos
de pelaxes enferruxadas
demachiños doces de cobiza extrema
e soidades rotas.

Ao chegar ao solpor traban como
cans adoecidos no nome esquencido
da túa saraiba
deixando morno e sen sentido
o meu devezo imposíbel.

Antón

10/09/2009

XXX


Sinto vertixe ao rubir a escada sen chanzos,
agatuñando no van dun corpo alleo
que resiste os vapores do solpor ,
coma se o vestixo castrexo do noso amor
non fose dabondo e tivesemos que ollar a beleza
dos corpos nas pingas dunha palabra prohibida
que xamais diremos

Antón

07/09/2009

EAA


As palabras amortallan o devezo
de posuírte,
guindando as arroutadas ao curro
das bestas salvaxes.

Sen ferros cos que marcar
podrezo na desidia da túa imaxe
acochando no máis fondo da croa
un abrente de carrizo e lúas esfareladas.

Antón

08/08/2009

VACACIÓNS


Ben, todo chega e maña volto á patria coa miña xente, polo que o blog queda parado até setembro. Coller folgos istes días ? Imposíbel, agardan por min os dezasete castros do concello da Pobra de Brollón (quedan xa poucos por atopar !) , os ríos Lor, Cabe e Sil ( a ver se iste ano podo chegar aos canóns do Cabe, máis pequenos que os do Sil mais tamén fermosísimos) , ler todo o que non puiden ler no ano ( Ollos de Auga de Domingo Villar, Made in Galiza de Sechu Sende ...) e sobre todo retornar coas xentes verdadeiramente boas e xenerosas das Terras de Lemos.

Saúde e vemonos en Setembro !!!

28/07/2009

NA FRAGA


Agochado na fraga recollo os froitos que deitei no lixo.
Coma bichocos dunha estadea mecánica turran de mín
beliscándome ao falar
Esvaran por unha pel morna que de tan enxoita so pode vir da túa lembranza
da húmida e pegañenta lembranza a pexego e mazá, a ameixa e laranxa,
a isa enxurrada doce dos teus bicos
marchando polo camiño da nada.

Antón

24/07/2009

VIXÍA


Miro teus ollos de auga nesta terra enxoita,
luxada de servidume, coma actores dun teatro de monicreques,
afastados das paisaxes, dos sumidoiros enxebres, das corredoiras do tempo...
Vexo enrrugas e galernas, xenreiras e arreguizos, e por riba de todo,
véxote a tí, cos ollos pechados, soñando a ilusión perdida no tremer doutro corpo,
alleo e estraño.


Antón

21/07/2009

VERTIXE


Os corpos eivados brunen o espello
dende o fondo da cunca,
distorsionando as imaxes en mil anacos
de medidas perfectas,
en coiteladas doces,
en pelexas hipercalóricas,
pechando sensacións arrepiantes aos que
aínda penduramos do teito,
incapaces de ollar o luar
sen sentir a vertixe da túa ausencia.

Antón

15/07/2009

NAO 2


O animal placentario berrou na tobeira.
Sinalou co dedo aos antergos miserábeis
que lle roubaron a soidade.

Viu as disidencias no eido amniótico,
as paixóns compartidas,
as posibilidades de mergullarse nunha illa
escura e gorentosa, a carón dela, nun mundo
inventado de cores rechamantes
e nome de muller.

Antón

08/07/2009


Enche a furna co entullo do odio
e deixa que os ratos mordan nela,
coa crueldade dos nenos pequenos,
coma se o mundo fose tan só
a posibilidade dun bico roubado
e nós uns mariñeiros a fedellar
nas paixóns alleas,
nas incríbeis e dementes razóns
que nos asoballan facendo de nós
os monicreques podres do seu
xogo de xadrez.

Antón

29/06/2009

ENCORO


Voas sen as buscando as migallas do corpo esfolado.
Na viaxe albiscas horrores infindos que destrúes coa
labazada do (auto) odio, maquinalmente, coma quen ve
chover nos confíns do mundo.
Na caída afastas a realidade ao recuncho das cascudas,
ficando soa na furna, devecendo polo intre senil, ollando
os nosos corpos atoados que seguen a comer dos refugallos.

Transmutados en morcegos penduramos do teito,
seguros de poder enxergar a liberdade pola físgoa
dunha trabe esquencida.

Antón

19/06/2009

DESERTO


Batuxas na rede
mergullada en versos licuados,
negociando os prezos da dose,
desfacendo teu nome en espirros longos
que parasitan amartelando a realidade,
esmagando a desidia do abecedario incompleto,
recuncando no Dadaista de Crechas miserábeis
no que convertin o noso tremer segredo.

Antón

24/05/2009

EU, INICIATIVA INTERNACIONALISTA


Eiquí o tedes, Josep Garganté, sindicalista da C.G.T. na TMB de Barcelona e número 3 polas listas de Iniciativa Internacionalista. Os que estamos dentro do sindicato e coñecemos a súa traxectoría , temos moi, pero que moi clariño: o que faremos : Votaremos a alguén que de verdade represente aos traballadores, a nosa dignidade e o noso orgullo obreiro. Josep,
os compañeiros do sector aereo xa estamos facendo campaña, conta con nós e o noso traballo pola causa.

Avante na loita !!!

22/05/2009

NAO




Procuro teu corpo nas peles esfoladas


de cores rechamantes,


entre as pugas dos toxos sementados,


perto do arreguizo vital reflectido


na imaxe do espello.


Traballo rigurosamente,


peneirando os minutos


vividos,


arquivándoos en andeis


escachados,


confundido na búsqueda


dunha imaxe que remate co

espexismo do ( teu) deserto.




Antón

18/05/2009

GZ 2014

Esfarelou a ledicia en anacos
e repartíunos no camiño de
retorno a Tagen Ata,
nese espazo atemporal onde
os acenos collen folgos para bater
nas miñocas do (noso) cadaver.
As corredoiras soterradas axudan
e os antergos cangan coa angueira
ingrata,
sós e espidos no meio da multitude,
berrando palabras de cinza que
-xa non-
saben ao cuspe acedo da derrota.
Antón, aos meus camaradas da CGT e a CUT

17/05/2009

NIN UN PASO ATRAS !!

Compostela foi hoxe orgullo e dignidade en defensa da lingua. Milleiros de persoas baixo a choiva, avantando paseniño nunha manifestación que non daba chegado nunca á Quintana da xentalla que ateigaba as rúas, con meniños da mao dos pais ( moitisimos nenos !!), organizacións de todo o abano da esquerda... Hoxe estiven moi perto da felicidade. Os compañeiros da C.U.T , as amizades tras a estelada ( Xoán de Ripollet, Anxo do Prat, o meu filliño que flipou) as bandeiras da patria por centos , as palabras de Teresa Moure na praza da Quintana (Monfortina coma nos, brillante coma sempre), Avelino Pousa Antelo ( que grande é iste home por Deus !!). Rexurdiremos, hoxe demonstrouse que podemos, que non estamos sos e que somos moitos, moitísimos os que non baixaremos nunca a cabeza, que sacaremos o tempo de debaixo das pedras para loitar polo noso, que gasteremos diñeiro, que colleremos avións , que estaremos onde haxa que estar, que nos terán sempre diante para lembrarlles o que xa saben;
NA GALIZA EN GALEGO !!!

Saúdos, Antón.

14/05/2009

CRECHAS 2008

Tés a forza dos antergos nas coiteladas
guindadas ao chou na casa do finado.
( avantas nunha selva de toxos sen rozar)

Tés fouces enferruxadas de gume imposíbel
que soterras no meu corazón de esquelete
(e nas corredoiras, e nos cavorcos, e nas furnas)

Tés todo o que eu son incapaz de roubar sen ti
( poemas espirrados, indiferenza , teu ollar )

Tés o esquecemento e a ledicia dos viaxeiros
ao chuchar as palabras do teu corpo adoecido
no que eu non podo (xa) parasitar.

Antón

CRECHAS II


Tés a forza dos antergos nas coiteladas
que guindas ao chou na casa do finado.

( avantas nunha selva de toxos sen rozar)

Tés fouces enferruxadas de gume imposíbel
que soterras no meu corazón de esquelete

(e nas corredoiras, e nos cavorcos, e nas furnas)

Tés todo o que eu son incapaz de roubar sen ti

( poemas espirrados, indiferenza , teu ollar )

Tés o esquecemento e a ledicia dos viaxeiros
que chuchan as palabras do teu corpo adoecido
no que eu non podo (xa) parasitar.


Antón

12/05/2009

CAPADOR


Son capaz de ollar de esguello as túas crechas

enchendo iste mundo de palabras espidas,

capaz de vexetar arreo no licor cafe,

de achegarme ao pasado ,

de voltar invicto,

de queimalo todo

botandome coma

un can sobor dos

esgarros da rúa,

de esmagar

a xenreira diste

asasino a fuxir,

de condearme a lamber

as migallas que deitas

-segredamente-

na rede que nos
(des)vencella

29/04/2009

AMOK


Os toleiráns lemos contos de Zweig
mentres trafegamos as verbas da rede.
Declamamos morriñentos poemas
de Hess espallando o andazo
máis alá das fronteiras imaxinarias,
coma refuxiados líricos
dunha arroutada armada
á que nunca pertenceremos
e da que non quixeramos
saír xamais.
Antón

24/04/2009

BUGALLO


EU


(abafo coa imaxe de



ser unha andrómena


escrita con tinta de bugallo)


TI


(cravuñas a gadaña


coas palabras nuas,


ceibas os versos nas cortiñas,


tentas refacer as pontes)
Antón




14/04/2009

QUE ?


Porqué é que os morcegos

dormen sempre de cabeza

para abaixo ?


Porqué lles arrepía tanto

o noso cheiro a bravú

a suor

a miñocas recendentes?


Porqué non deixar que a

saraiba limpe o (seu)

mundo canibal

e ceiben as arroutadas
gardadas na artesa do

noso tempo perdido ?


Antón

04/04/2009

CHAIREGOS


Fanfurriñeiro fachendoso

acende o facho da lingua

e faino servir de palán,

zoupalle nas cacholas aos

chairegos de almas pitoñosas,

róuballes o fel e os figados,

trócaos por seixos e

piornos, por toxos e uzes,

por todo aquilo que os rille

coma bestas e os leve

-ainda máis-

a ignominia de seren

incapaces de dicir a máis

fermosa das palabras.


Antón

29/03/2009

ÁRBORE




Ámote dentro da árbore
onde os abrollos dormen
acochados tras sonos empoleirados.

Axúdasme a termar o corpo á raizame e
vexeto chuchando imaxes doutrora
que dosifico ao ver a desfeita.

As miñocas acéitanme coma o
seu lexítimo soberano e
minten ao dicir que todo
pasará , que non voltarán os mallos
bater en nós , que non separaremos
o teu grán da miña palla ...
Antón

24/03/2009

RAG...


Tras a patada nos collóns que supuxo o derradeiro informe da RAG e do rebumbio que se montou coa súa publicación , teño na cabeza un poema de Lupe Gomez ( Fisteus, A coruña) co que cada vez me sinto máis identificado. Só agardo que esta mágoa que sinto por dentro pase e poida artellar imaxes máis constructivas , sen o desacougo que me roe istes días.





GALIZA


Galiza non son

imaxes. Son

restos.


Lupe Gomez, Pornografía




22/03/2009

TINTA


O home ulía a tinta vella e

ollaba co xorne dos rexeitados.


Non se recoñeceu no espello

e continuou a fedellar no lixo

na procura dalgunha palabra


- espida-


que o achegase a ti e o afastase

da soidade infinda do sartego.
Antón

19/03/2009

SEÑARDADE


Hoxe fun buscar ao meu vello á estación de Sants tras unha estadía lonxana de máis na terra. Voltaba no anovado "Estrella de Galicia" tras doce horas de viaxe, cincoenta euros menos e algunha que outra conversa rechamante que lembrar dos compañeiros de viaxe, xentes das Terras de Lemos e do Barco, coñecidos do barrio e do traballo, que ano tras ano coincidían no tren. Mentres agardaba sentín unha grande señardade daqueles anacos de vida que vivín de neno no " Estrella", nesta estación e na de Monforte, con aquelas xentes de intensas palabras e grandes afirmacións dispostas a compartillar todo o que tiñan polo sorriso dun neno, nas datas sinaladas do Nadal e a semana Santa (e algún que outro verán ), ateigados de paquetes voluminosos , empanadas arrecendentes , caixas con botellas de viño , sacos de patacas ( e grelos, e cebolas,e castañas ...) e todo o que se puidese levar e lles deixasen meter nas camaretas e polos corredores adiante . Lembro con especial agarimo as noites durmindo no buraco de enrriba das portas das camaretas , agochado entre os paquetes de chourizos e cachuchas, só ou na compaña dalgún curmán ou irmao chorimica, co risco ledo e compartido de caer e esnafrar os fociños, sentindo o fungar terríbel dos vellos durmindo, suando a cachón co efecto desas calefaccións ferventes que criaban cheiros dificiles de esquencer. E o tren movendose e renxendo en cada parada, en cada estación , con mundos misteriosos a descubrir tras as cortinas das fiestras, ficando pampos cos efeitos das luces nos vidros húmidos, coas xeadas de Castela, procurando na escuridade algún trasno rebuldeiro que nos fixese acougar e coller o sono. E lembrando istas miñas charamuscas biquei a imaxe rexa, case petrucial, do meu vello termando un carriño ateigado de paquetes, sacos e caixas de empanadas arrecendendo á Terra..
Saúde, Antón

18/03/2009

BALBORDO ?


As polas caeron polo peso da neve

o día en que ti e máis eu bicamos a

terra húmida da patría esquencida.

Non fomos capaces de arranxar as

chantas do curro onde tantos seráns

pasamos lendo libros malditos,

sen luz que se coase polas físgoas

das lastras, as apalpadelas nas follas

do teu corpo, agochados sempre ,

en silenzo, nese balbordo calado que

reflectían teus ollos escuros ao

berrar ao mundo enteiro que o noso

sangue maldito aínda tiña folgos

para cuspir a paixón . Eu devecía por

ter unha pinga das túas palabras,

pequerrecha, aceda, insultante ,

tanto me tiña, un algo do que termar

as arelas que me estoupaban no peito

ao notar o teu sabor a Peixe espada
nos beizos doutros.