28/10/2009

CORPO 2


Arame enferruxado
risca meu nome na carne macia
enche de sentido as paixóns e os entullos devorcados
cadaleitos dun corpo fragmentado pola preguiza.

Antón

22/10/2009

ANXO


Recolleu o anxo caído no vapor etílico
vagarosamente desfeito na néboa do mezcal

Calibrou a posibilidade de permutar o intre
afastando a illa da realidade catalizada

Rematou silencioso na foto

coma monicreque
dunha aperta imposíbel.

X.Antón

21/10/2009

TRES


Teño a fame do mixiricas gardada na artesa do avó,

pegañenta e cadavérica no desprezo.


Arrecende a cinza cando sinala o berro agochado

ceibando morte e palabras

miñocas humidas na arroiada dun día de sol.


Antón

16/10/2009

AXOTAR


Saloucas nun universo de cortiza,
de peles aboiando nos corpos extenuados.

Sen folerpas que caian niste outono
lembras o gume da fouce,
afouto e morno,

coma tecido morto daquel que fora
o noso (des)amor,

caleidoscópico arco da vella,
sinxelo tremer,

AUSENTE

Xosé Antón

08/10/2009

REGO


Volto ao rego no devalar ruín do tempo,
como unha cadea de elos invisíbeis a berrar o noso espanto.

Na arroiada ispo de marmurios o sono humido,
fornecendo á noite do prozac e a augardente
daqueles teus bicos perdidos.

Antón

02/10/2009

CANTIL


Abre a porta do cantíl

e fica queda coa friaxe

do abrente a morrer ,

caleidoscópica sensación

de liberdade nun vento

invicto de soidades

e devezos.


Antón