31/12/2008

ALFAIA

A nosa alfaia percorre
corredoiras inzadas de vermes
e inormes croios aguzados ,
disposta a esfolar, a acoitelar
as tolemías brillantes dos
moradores dos cortellos que
lle rendemos pleitesía.
Con agarimo a deitamos
no estrume doce da enxurrada ,
agochando a cabeza para non
ter que ollar a desfeita que
predeciron os sabios nas
romarias enchoupadas
en augardente e mencía.
So queda unha semente
disposta a agromar nos
peitos dos carneiros de
corazóns cincentos.
E ven enburullada nun
cadaleito de ferro.
Xosé Antón, escoitando Motor Perkins. Que grandes son !

29/12/2008

ANDAZO

O andazo percorre as emocións
máis prezadas da túa vida
inzando de bubóns e nódoas
negras os corpos espidos
daqueles que nunca posuíras.
O contaxio é inebitábel
no ruxerruxe cotiá da rede
e a pandemia ataca impoñendo
dores dunha beleza aceda.
Sei que comerei as palabras espirradas
dende a túa boca de animal doente
Xosé Antón

28/12/2008

MENSAXES

Recollo as mensaxes da botella
que esculpiches na lousa primixenea.
O ceo anúbase nun xesto sinxelo
que acolles cos ollos pechados,
arfando ao falar, como se non quedase
mundo ao que nos termar e todo fose
unha ilusión das nosas almas vencelladas
por xugos invisíbeis.
Semellas non dicir nada novo tras a carauta
na que arroibas inzada de desexo,
rolando nunha espiral da que non podes sair.
Tampouco eu quero afastar do novelo ledo,
da sutil sachadora de palabras que fedella
e enche os buratos ocos das miñas paixóns agochadas.
Xosé Antón

20/12/2008

CRECHAS

Teu arrecendo podrece miña alma
con pucharcas lamacentas das que quero beber.
Tento acougar, arelando a enchente desexada.
As verbas malditas atéiganme a cabeza con sal e pementa ,
manxar espurio no que recuncar á mantenta.
Arfo de ledicia diante da opción doada,
termando dela para xunguirme a ti.
Non sei onde procurar a túa imaxe de crechas imposíbeis.
Xosé Antón

13/10/2008

RAIBA

Sinto a raiba fedellando nos miolos,
arrabuñándoos ás apalpadelas,
facendo buracos polos que se coar sen chamar...
Foxe dun cárcere mouro e escuro chamado pensamento,
vilar no que mora dende tempos antergos.
Coitada, toléame coas súas verbas
arredistas rematadas en atafegantes "ismos",
palabras que desacougan o meu corpo
e que empurrándoo cunha zuna terríbel
chegan a agocharse na croa do corazón,
amolecéndoo e deixándoo doce coma o mel,
listo para a inundación do corrente sanguineo
coa semente que dará senso a tarefa vermella
tanto tempo esquencida.
O estoupido é brutal e a enxurrada chega até
o derradeiro recuncho do corpo,
aos alicerces, a raiz mesma da masa cárnica,
seguendo ao chou a estrada das veas inzadas.
A raiba sorrí leda ás gargalladas.
Satisfeita.
EU namentres tento só loitar...
SÓ loitar...
Xosé Antón