28/07/2009

NA FRAGA


Agochado na fraga recollo os froitos que deitei no lixo.
Coma bichocos dunha estadea mecánica turran de mín
beliscándome ao falar
Esvaran por unha pel morna que de tan enxoita so pode vir da túa lembranza
da húmida e pegañenta lembranza a pexego e mazá, a ameixa e laranxa,
a isa enxurrada doce dos teus bicos
marchando polo camiño da nada.

Antón

24/07/2009

VIXÍA


Miro teus ollos de auga nesta terra enxoita,
luxada de servidume, coma actores dun teatro de monicreques,
afastados das paisaxes, dos sumidoiros enxebres, das corredoiras do tempo...
Vexo enrrugas e galernas, xenreiras e arreguizos, e por riba de todo,
véxote a tí, cos ollos pechados, soñando a ilusión perdida no tremer doutro corpo,
alleo e estraño.


Antón

21/07/2009

VERTIXE


Os corpos eivados brunen o espello
dende o fondo da cunca,
distorsionando as imaxes en mil anacos
de medidas perfectas,
en coiteladas doces,
en pelexas hipercalóricas,
pechando sensacións arrepiantes aos que
aínda penduramos do teito,
incapaces de ollar o luar
sen sentir a vertixe da túa ausencia.

Antón

15/07/2009

NAO 2


O animal placentario berrou na tobeira.
Sinalou co dedo aos antergos miserábeis
que lle roubaron a soidade.

Viu as disidencias no eido amniótico,
as paixóns compartidas,
as posibilidades de mergullarse nunha illa
escura e gorentosa, a carón dela, nun mundo
inventado de cores rechamantes
e nome de muller.

Antón

08/07/2009


Enche a furna co entullo do odio
e deixa que os ratos mordan nela,
coa crueldade dos nenos pequenos,
coma se o mundo fose tan só
a posibilidade dun bico roubado
e nós uns mariñeiros a fedellar
nas paixóns alleas,
nas incríbeis e dementes razóns
que nos asoballan facendo de nós
os monicreques podres do seu
xogo de xadrez.

Antón