28/01/2009

O ESPANTO DO MUNDO


Fozando no espanto do mundo busco a fochanca
onde agochei a pantasma desacougante da alienación .
A combustión do acto tentame devolver á realidade
e ollo de esguello a fouciña ensanguentada da
que terma a man do esquelete fumegante
no que me convertín .
Escoito o son da buguina.
O mundo segue a cuspir bilis aceda nos meus
osos adulterados e gozo co medo que provoca
meu espectro nos acólitos do vello mundo.
É gorentoso sentir a dor da derrota nas almas alleas.
Xosé Antón , saindo do traballo

21/01/2009

ALDRAXE


Aldraxados por non respirar o mesmo aire,

bulimos na procura dun corpo onde

parasitar sen ter que xantar a cinza

esfarelada dos antergos.

Amosamos orgullosos os Carafunchos

feitos polos paxaros nigromantes,

aqueles que acabaron escribindo
mensaxes de fastío no obradoiro de Mateo.

"Nas Terras de Lemos non quedan xa

cavorcos onde agochar o corpo

espido do esquelete" confirmou o Mestre

mentres ensinaba aos vermes o xeito idoneo
de comer os nosos corpos espidos polo mar.

A felicidade, abofé, e ser roido polos
dentes pequerrechos das miñocas.


Xosé Antón, no tempo do bocadillo

19/01/2009

PALABRAS


Ferven os alicerces do mundo

nesta terra enxoita pola

ausencia das túas verbas.

O resultado reflicte unha
saraiba de estrelas a

magoar as feridas

da derradeira noite que
fozamos xuntos nos
contos de Cunqueiro.
Vencéllome á humidade que

evapora as palabras

espidas e recollo os

froitos acedos de non

saber máis alá daquelo

que xa sei: hoxe tamén

estaré agardando por ti

no longo silenzo.
Xosé Antón, comendo na fábrica

17/01/2009

KOMMIST


Esquencida nos Caixóns do

chineiro, ala onde non chega o

marmurio da cidade vermella,

bótaste a perder nunha noite

salvaxe de troula e súor.

Abraio vendo a caste de

enxendro que es mentres o

sutil veleno fai de ti un ente sen

corpo co que poder podrecer.

Ollas para min e chántaste

no lameiro daqueles

que por non ter non temos

nin a alienación da que

falou o Deus barbado.

Non ofrendamos nada e os
refugallos escasean na nosa
mesa de repudiados pola desidia.

Saloucas por un guindastre

que nos leve do inferno.


Xosé Antón

15/01/2009

DE ALUGUER


Pelexo contra min e contra o resto,

vivindo de aluguer nas brétemas

dunha sombra mergullada nas
rúas da asolagada Rairís,
máis alá dos formigueiros noxentos,

onde chuchar o zume da terra

só serve para acadar
borracheiras dunha lucidez antiga.

É liorta pesada dabondo para

alguén que depelica as horas en

soños baleiros.


Xosé Antón

14/01/2009

INDIFERENZA


No cadrado non hai buratos

polos que fuxir do demo dos cornos

e o aire faise mesto coa presenza

dos libros malditos nos que

arrincas anacos de vidas sobrantes.



Toleo coa túa presenza esfolada

dunha beleza meiga, pingando

pedazos de soños agochados,

abrindo a tapa dos miolos acugulados

de caligrafías molladas coas bágoas

da miña total indiferenza.




Recurro a eito a istes elos procurando

os alicerces do perdón co que poder

escachar o polígono sen ocos no que

convertín o luscofusco do noso

pracer alleo.




Máis o segredo, ben o sabes,

segue morando nas verbas

que nos están a separar na rede.



Xosé Antón, escoitando Desexos de Nao

03/01/2009

FIDALGOS




Andamos a gadoupadas


no curro dos fidalgos,


alagando co noso sangue feble


as cores do Arco da Vella


que ao lonxe anuncia


a chegada do novo día.


Trememos na pelexa abúlica.


Nun ademán estudado


botamos uns pitos e parolamos


das nosas cousas sen deixar


de aguzar as facas, calculando


as distancias para que a espetada


certeira atinxa o corazón do


inimigo e o holocausto sexa impecábel.


Xa chega o San Martiño


onde poder ter sentido ti e máis eu.




Xosé Antón

01/01/2009

ACOUGAR

temos acougo nas palabras
que constrúen o cárcere imaxinario
sementado cada noite.
Estamos rodeados por milleiros de persoas
que afogan as ilusións pendurándoas
das árbores do esquencemento ,
onde parasitan coma cogumelos alucinóxenos
na procura de tempos mellores.
Un anaco de cortiza é todo o
que necesitamos para a apócema
que as redima da morte e as
leve, en aguias de ouro, as celas
da nosa paixón segreda.
Xosé Antón