16/03/2009

FUME


O Sumicio garda o segredo

que todos levamos dentro e

que fai de nós imaxes reflectidas

no espello doce da desidia

mestas pantasmas a camiñar

encrequenadas sen rumo fixo

bicandose ás agochadas

coma dous vellos namorados

sen nada que perder nesta
cidade de cristais fumegantes.


Antón

15/03/2009

R.A.F.



Na pota do alambique conxuramos as forzas

que nos darán o fermento da nosa paixón segreda

- fluidos imposíbeis, bagazo primixeneo, o teu ollar -

Sabes ben que coma ti vou armado


coas mesmas vaidades e soberbias


cos mesmos ideais luxados polo odio e a violencia


coa mesma indiferenza a todo aquilo que non


cheire a carrizo e cortiza de lamagueiro


(e a terra, a nosa terra esquencida na lonxanía)


Sen armas que constrúan un novo alicerce


só a túa compaña fai que a loucura de


amar a Meinhof non remate comigo diante

da bretema das túas sabas prohibidas.


Antón














13/03/2009

OLLOS


Arrincádeme os ollos dos libros

- tamén das verbas da rede-

de todo aquilo que me subxuga

coma verme xunguido á terra,

a marteladas e a puñadas,

de tódos os xeitos posíbeis

até quedar oco coma

un cogumelo alucinóxeno,

nun recuncho da fraga,
en soidade,

agardando o intre imposíbel
de ser engulido por ti.


Antón

27/02/2009

OCOS


Verquer segredos nos ocos das árbores,

ollar de esguello a memoria perdida,

actos sinxelos de militancia pola
liberdade dos Lobishomes, derradeiros

resistentes da fraga, insuperábeis

escritores de textos oníricos que
agochar nas pedras do castro Leboeiro...

Seres ruíns e teimudos que
rexeitan a brebaxe da poza onde
afogar a nosa sede de coñecemento.

Para eles o día do pasamento xa

chegou e arranxan o cadaleito de

carballo traguido das Terras raianas,

Poderán vivir ao fin o sono da

máis absoluta indiferenza...
Antón

23/02/2009

NARVAEZ


Vira as costas e olla o mar a amosar as furnas asolagadas.

Hai ollos de sereas que faíscan e alumean a nada dun mundo

agochado ao que non pertencemos e do que non queremos saír.

Teñen un nome que lembra o arrecendo húmido dos arroaces

(transmútome en arreguizo salgado e batuxo na túa pel

pintada con cores rechamantes, ollando para ti dende o outro

lado do espello, afundido no noso mundo imaxinario,

encadeado a dor de non te poder bicar tras o vidro enbafado)


Antón


17/02/2009

ARROIADA


Non me presta o fedor da maseira

nin os axouxeres a cintilear arreo

engaiolando aos homes fracos e frouxos,

invadíndoo todo, até o máis sacro.

Afástome, íllome, isólome nunha lea

que enche de intranquilidade todos

os recunchos onde moran os segredos,

as alfaias que fan que aboie acotío.

Vai a arroiada poder comigo ?
Xosé Antón

16/02/2009

BARDOS


Na estercada camiño

seguindo o cheiro vital,

enchoupando o corazón
de merda nun labourar arreo.
Poucas cousas teño tan claras.

(Non leo aos Bardos. As parvadas

magóanme coma losqueadas.

Non escoito aos lerchos. As verbas

esvaran pola realidade e matan

as intencións e as arelas.

Non sigo aos amantes do godello. Suso
de Toro botou pola borda
a lingua dos lingoretas)

Só de cando en vez, algunha

alfaia racha na alma.

Mais dura tan pouco...