14/05/2009

CRECHAS II


Tés a forza dos antergos nas coiteladas
que guindas ao chou na casa do finado.

( avantas nunha selva de toxos sen rozar)

Tés fouces enferruxadas de gume imposíbel
que soterras no meu corazón de esquelete

(e nas corredoiras, e nos cavorcos, e nas furnas)

Tés todo o que eu son incapaz de roubar sen ti

( poemas espirrados, indiferenza , teu ollar )

Tés o esquecemento e a ledicia dos viaxeiros
que chuchan as palabras do teu corpo adoecido
no que eu non podo (xa) parasitar.


Antón

12/05/2009

CAPADOR


Son capaz de ollar de esguello as túas crechas

enchendo iste mundo de palabras espidas,

capaz de vexetar arreo no licor cafe,

de achegarme ao pasado ,

de voltar invicto,

de queimalo todo

botandome coma

un can sobor dos

esgarros da rúa,

de esmagar

a xenreira diste

asasino a fuxir,

de condearme a lamber

as migallas que deitas

-segredamente-

na rede que nos
(des)vencella

29/04/2009

AMOK


Os toleiráns lemos contos de Zweig
mentres trafegamos as verbas da rede.
Declamamos morriñentos poemas
de Hess espallando o andazo
máis alá das fronteiras imaxinarias,
coma refuxiados líricos
dunha arroutada armada
á que nunca pertenceremos
e da que non quixeramos
saír xamais.
Antón

24/04/2009

BUGALLO


EU


(abafo coa imaxe de



ser unha andrómena


escrita con tinta de bugallo)


TI


(cravuñas a gadaña


coas palabras nuas,


ceibas os versos nas cortiñas,


tentas refacer as pontes)
Antón




14/04/2009

QUE ?


Porqué é que os morcegos

dormen sempre de cabeza

para abaixo ?


Porqué lles arrepía tanto

o noso cheiro a bravú

a suor

a miñocas recendentes?


Porqué non deixar que a

saraiba limpe o (seu)

mundo canibal

e ceiben as arroutadas
gardadas na artesa do

noso tempo perdido ?


Antón

04/04/2009

CHAIREGOS


Fanfurriñeiro fachendoso

acende o facho da lingua

e faino servir de palán,

zoupalle nas cacholas aos

chairegos de almas pitoñosas,

róuballes o fel e os figados,

trócaos por seixos e

piornos, por toxos e uzes,

por todo aquilo que os rille

coma bestas e os leve

-ainda máis-

a ignominia de seren

incapaces de dicir a máis

fermosa das palabras.


Antón

29/03/2009

ÁRBORE




Ámote dentro da árbore
onde os abrollos dormen
acochados tras sonos empoleirados.

Axúdasme a termar o corpo á raizame e
vexeto chuchando imaxes doutrora
que dosifico ao ver a desfeita.

As miñocas acéitanme coma o
seu lexítimo soberano e
minten ao dicir que todo
pasará , que non voltarán os mallos
bater en nós , que non separaremos
o teu grán da miña palla ...
Antón